domingo, 18 de maio de 2014

1º Concurso Mª Vitoria Taboada de Poesía

O xurado integrado por: Carlos Míguez Macho (Dep. de Lingua Castelá e Literatura), Mª Pilar Espiño Espantoso (Dep. de Lingua e Literatura Galega) e Ángeles García Otero (Dep. de Matemáticas) acordan por unanimidade outorgar o 1º Premio Mª Vitoria Taboada de Poesía aos poemas de asinados co pseudónimo de  "Moraima" que corresponde a Eva González Blanco: "Pola súa apaixonada descrición da dor pola perda amorosa a través dunha linguaxe contida e orixinal, representación en si mesma dos seus últimos versos: Só a poesía é verdadeira / se as palabras reflicten a complexidade / da alma humana”.

Así mesmo, o xurado acorda conceder un accésit aos poemas presentados  baixo o lema "O coello de Alicia que me guía" da autoría de Mariña Castro Fontao: "Polo exquisito control do surrealismo a través dunha linguaxe precisa expresada en versos curtos e cortantes que simbolizan unha visión amarga e descarnada da existencia."
 
Granate
O coello de Alicia que me guía
Pintando as rosas de vermello
Cae pola toco
Florece, murcha
Adormece, resucita
Anxos escuros
que lle brindan murmurios
Ás negras, intencións claras.
Escóndete
Poden ver todas as túas inseguridades, almiña podre.
Non creo todo o que vexo,
non digo todo o que penso
calo todas as verdades.
Intenta camuflarte.
Sendo escoura,
estas maxestades caídas coñecen a túa historia.
Reverénciate cara á morte.
Halos, pureza.
Veleno nas veas.
Non é suicidio
se por dentro estás xa completamente baleiro.
Coma o rumor dun río.
Coma a seca que chega despois.
Corre o sangue.
Anda o sangue.
Para o sangue.
Para a vida.

Rubí
Ollos de cristal
Luz de vendaval
Bágoas de chumbo
Pesan nas meixelas
Esa boneca de trapo que ninguén quere
Espertou do seu sono e comezou o pesadelo
A triste ilusión dun cadáver que respira
Chamando por un corazón sen negróns
xace nun ataúde
sen velas
sen flores
sen choros
sen cores.
Sendo unha pantasma cargando un abrigo de carne e óso.
Unha alma rota por todos eles.
Por todas vós.
Ata a corda, afía a coitela, dispara a arma...
Voan paxaros engaiolados.
Escarlata
Afogada no seu propio mar
zoada na súa propia marea.
Arde coma Roma
fría coma un caramelo.
Un león que non recoñece o seu reflexo no lago.
Non pode soportar
as pedras que tiran a dar.
Os monstros inquilinos nela.
Miña xoia, mente insalubre.
Voan balas, dan no branco
No negro da promesa esquecida.
No vermello do sangue verquido.
A maquillaxe dun sorriso perdido,
encontráronme  queimado en cinzas,
coma un ritual
un musical
unha pantomima
Unha obra que xamais se estreará
Non se oen aplausos.
Só as campás.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario